Luns, 5 de marzo de 2007
Laudatio para Bernardino Graña co gallo da homenaxe que lle dedica o VIII Salón do Libro de Pontevedra, feita en forma de ABECEDARIO por Xabier DoCampo en testemuño da miña amizade e cariño.
O A ten que ser de amizade, porque iso é o que a min me trae aquí hoxe, o saber que me tes por amigo. Sempre tiveches en alto e esixente lugar este concepto, aínda que o outorgaches con xenerosidade, case con temeridade, e nel déchesme acubillo un día.
Sempre me resultou especialmente emocionante a amizade que vos unía a Manuel María e a ti (a miña amizade contigo nace a través de Manuel), será por iso que tanta graza me facía vervos discutir e rifar, detrás do que viña un enfurruñamento algo infantil de dous homes que tanto se querían. Perdóame pero teño rido moito cando vos vía encabuxados.
Tamén puideron ser aperta, admiración ou o amor que enche os teus versos e a túa vida.
Se referíndome a ti pronunciase unha soa letra e esta fose un B, todos pensarían que é polo teu nome de Bernardino, cando só pode ser por bonhomía. Porque esa é a cualidade que máis te adorna e nos honra aos teus amigos. Ti, Bernardino, por enriba de todo es un bon home. Alzaches a túa voz sempre a prol dos débiles e dos desfavorecidos. Puxeches a túa arte ao servizo das causas que entendiches xustas, moi por enriba dos teus propios intereses persoais, e iso, é, sinxelamente ser un bon home.
Non pode ser doutro xeito, o C correspóndelle a Cangas. A vila que te naceu é a que ti lle entregaches todo o amor que se pode entregar a un lugar. Somos moitos no País os que xa nunca escoitaremos dicir Cangas sen evocar a túa persoa e a túa poesía. Cando dis mar dis Cangas; dis pasado e dis Cangas; se o que dis é destino é Cangas o que dis; cando dis peirao tamén se escoita Cangas... sempre, Bernardino, dis Cangas cando dis...
Trouxen a esta letra a referencia que quero facer ao amor en ti, e vouno facer polo reverso da moeda, porque, como ti mesmo dixeches: “preocupoume e ocupoume o amor e a falta de amor”. Por iso lle poño ao D a palabra desamor, porque foi a iso a quen responsabilizaches dos males que aflixen a túa alma xenerosa. Advertíchesnos unha e outra vez de que a falta de amor só trae ao mundo destrución, miseria, dor e pranto. Sabíalo ben ti que estás cheo de amor, que sempre tiveches por camiño da túa felicidade amar, moi por diante de ser amado.
Xa van aló máis de dez anos desde que a AELG que ti contribuíches a crear, che concedeu esa honra denominada o “E de escritor” algo así coma un E maiúsculo de primum inter pares. Eu traio agora un E de escrita, de oficio e vocación que escolliches desde a infancia co degaro de botar fóra o que tiñas dentro, e que na realidade resultou un pouco ao revés, porque a túa escrita seméllame a min a máis alta obra a que se pode aspirar, aquela na que, procurando ti un camiño para lerte, para saber ti mesmo quen es, déchesnos aos que te lemos un camiño para lérmonos, para atopármonos nos teus textos. Escribindo, Bernardino, soubeches de ti, e léndote eu sei de min.
Falar é a palabra que me ven á cabeza, seguramente porque lembro aqueles teus versos:
*“Aquí non hai silencio porque hai homes
falan os homes falan”*
De “Profecía do mar”. Versos dos homes que falan nas tascas mariñeiras. Mentres o gato:
“ulisca cheira mira agarda”
Falar porque ti acreditaches na palabra como forza do home. De que nela ten o mellor dos instrumentos para a súa propia liberación, para a conquista dos territorios perdidos. E ti décheslle a túa a tantos aos que lles foi arrebatada, falaches por eles, por eses que chamamos os oprimidos, pero esta palabra xa caeu en desuso, Bernardino, disque somos uns antigos, que xa non hai oprimidos... Pero ti sigue falando, dando a túa palabra a quen non a ten, que eu seguireite até onde haxa que chegar para que se nos escoite.
Galicia, Bernardino, Galicia é a única palabra posíbel para o G. Galicia como patria, como solar, como xente. Galicia como soño, como camiño, como ansia, arela, degaro, anceio... A Galicia dos homes e mulleres que levaches no corazón e na palabra. Pero tamén a Galicia das carballeiras e dos camiños; das beiramares e dos peiraos; das rosas e dos estraloques... Pero tamén Galicia contra, porque non deixaches de chamar á rebeldía, á procura dos camiños do noso porvir... Á confianza en vencer.
*“E afundiranse as mans negras que incendian.
E triunfará a alegría.
¡E triunfará a alegría!”*
Que dixeches en “Himno verde”.
E nunca faltou tamén o humor entre nós, que tamén temos rido o noso por eses mundos nos que temos andado xuntos. Lembras aquel Galeusca en Biarritz, canto rimos á conta de andar eu berrando e asubiando por ti polos montes de Iparralde, convencido de que te perderas e despois dun bon cacho apareciches tan campante, coma se nada?
Quero que o I sexa de irmán pois por tal te teño. Por un irmán maior do que vou aprendendo, pero tamén ao que acompaño nalgún treito do camiño para que nunca o asalte a pantasma da soidade.
Poñemos agora un L de Literatura, e vai aquí escrita con maiúscula para que teña no signo a importancia que merece o que foi o guieiro de toda a túa vida. Digo Literatura porque quero dicir mundo, ser humano, ceo e terra, camiño e pé. Digo Literatura porque ela foi e é a túa forma de estar no mundo.
Chego ao M e sáeme mar. Poeta do mar che chamaron por todas partes. Naciches nas súas beiras e daquela xa se encheron as túas veas de sal; xa te entregaches ao seu engado sen loita nin resistencia. Coa ledicia de quen se deita no colo dunha mai doce e amorosa que nunca te ha de abandonar. A el todo lle deches e nel todo procuraches...
*“Ferido o meu sal do sangue
busca o teu mar.”*
Dis en “Se o noso amor e os peixes...”
Pero tamén podía ser mariñeiro, ese ser que une home e mar. Ti sempre andas a procurar ao ser humano...
*“Polo escuro do mar que vos contruba
aínda hai peixes de lus nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas, meus amigos,
meus irmáns de salitre e sol e chuva.”*
Da “Oda aos mariñeiros de Cangas” en “Profecía do mar”.
Ese mar que quixeches, na túa infancia, atravesar camiño de Venezuela meténdote de polisón nun barco.
O N é de Natureza. Porque a amaches, a defendiches e a cantaches. Nela sempre viches o amor; as árbores, as flores, os animaliños... todo che produciu tenrura e a todo te achegaches con humildade franciscana, a do santiño de Asís, que tamén se achegaba a todos os seres que a natureza puxera para habitar en igualdade con nós a Terra.
Por iso na túa vida entrou un Oso mimoso, famento, lambón e algo egoísta que pon aos seus pais no duro aperto de facer pan con urxencia...
Ou o pimpín. Ese paxaro rebelde que te retrata, porque por máis que lle prohibiran cantar el seguía a lanzar ao aire os seus cantos maliciosos contra o león tirano, que nin sequera o puido resistir dentro do seu propio bandullo e tivo que deixalo fuxir para que seguira a cantar en liberdade as súas cancións.
Tamén está o fachedoso galo Quirico, outro bon lambón, que baixou do monte para asistir á voda do burro Perico.
E os ratos. Ti, que con tanto amor ollabas “O gato da tasca mariñeira”, en realidade tes unha tenrura especial para os ratos. Até o punto de facer afogar nun pozo a aquel Don Gato que quería casar coa “Rata linda de Compostela”. Ela casará co Rato que regresa da súa viaxe ao estranxeiro e xuntos marchan “a Santiago de Compostela, por mirar a Catedral”.
Ou aquel Rato Pérez, pertencente ao mundo dos Perrepés e que fai tan boa amizade co bon de Silvino.
O S é para os teus silencios. Todos sabemos que es home moi falador, gustas de dar, no aire, a túa palabra aos ouvidos dos amigos, pero tamén aborreces o barullo, o balbordo sen sentido que ofende o teu ouvido e pides que se faga o silencio que permita que escoitemos aquilo que paga a pena, aquilo que é voz da Natureza...
*“Silencio. Un invisible
orballo engorde intenta
facer que fructifique
o corazón, a pedra.”*
Con estas palabras remataches “Contra barullos” en “Himno verde”.
O T é terra aquí escrita con minúscula, porque quero referirme á composición telúrica que conforma a túa alma. Es, Bernardino, home de terra, de arxila dos montes deste País a quen lla entregaches. Alma de terra e auga salgada, sempre mol para que nela vaian deixando os paxariños as súas pegadas, esas que só ti sabes ler e que os habitantes de Nínive ou de Uruk tiñan por mensaxes dos deuses, alá onde agora morren os homes e mulleres a centos cada día a cambio do petróleo que lles nace debaixo dos pés.
Perdoa, pero non encontrei unha palabra que me gustase para a letra U, así que imos deixala.
O V é de vida. Nada caracteriza tanto a túa obra literaria e humana coma o vitalismo. Dixeches nunha ocasión: “Fun buscando a luz, o positivo, o entusiasmo por vivir, o vitalismo, o cósmico, xuntamente coa fraternidade social”.
Xenerosidade, esa é a palabra que se corresponde co X, fuches sempre xeneroso con todos, pero eu falo por min con quen o fuches en demasía na túa incondicional amizade. Lembro agora que, ao pouco de, por iniciativa de Manuel, uns cantos amigos nos convertemos en padriños laicos do teu fillo Denís facéndolle o agarimo das nosas palabras nunha publicación fermosa que o propio Manuel María artellou, ti enviáchesme un exemplar de Himno verde con esta dedicatoria:
*Este
HIMNO VERDE
é de Xabier P. Docampo
a quen seu amigo,
Bernardino Graña,
garimoso di:
O mundo respira
nas rosas, en ti.
Cando ri o Denís
cando a xente quere
amar, convivir.*
E chegamos ao Z, que vou deixar así, sen a súa correspondente palabra neste abecedario de amizade, porque entre ti e máis eu nunca esgotaremos as palabras, non haberá palabra derradeira. Sempre nos quedará unha non dita, unha palabra que reservamos para o próximo encontro. Queiran os deuses, Berandino, que sempre nos vexamos asistidos polo don da palabra.
Pontevedra, 10 de febreiro de 2007
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra