Manifesto para o 23 de abril, Día do Libro

Luns, 24 de abril de 2006

Universo Gutemberg

Á sombra de cada letra escóndese unha luz.
Cada letra que se une a outras para ser palabra
acende unha estrela;
apaga a sombra.
En ti.
Unha palabra bica a outra para expresar
a túa constelación.
E, de súpeto, co interruptor do abrente,
deixas de estar só.
As frases van preñando a outras frases
e ti naces
no medio da Vía Lactea imaxinada.
A que ese conto da túa avoa é como entrar noutra Galaxia?
A túa Galaxia.
Un día chega un home á túa casa que se chama Gutemberg.
O home sabe gardar todas as Vías Lácteas
nun cofre de palabras.
E ti comezas a abrir o libro das Galaxias
como unha ave que desprega as alas.
As túas alas.
Ao final do voo, cando pousas na árbore do pensamento,
ves que a fogueira das estrelas estaba en ti.
Que hai un Universo que está á espera de ser descuberto.
Descuberto por ti.
Ollo!
dixo Gutemberg,
vemos estrelas que alumean e xa non existen.
Acolá,
onde nace o tempo,
unha vez deixaron de brillar.

Adolfo Caamaño

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra