Martes 12 de xuño de 2007 • Comenta este libro
Meto vive en África coa súa familia nunha aldeíña da sabana. Un día chega un grupo de turistas e unha nena leva nos seus brazos un osiño de peluxe. É un animal que Meto nunca vira. Cando finaliza a visita: "¡Adiós!, ¡Kwaheri! (adiós en swahili)", a nena esquece o seu osiño e Meto decide buscala para devolverlle a mascota, pero... ¿hai osos en África?
Venres 11 de maio de 2007 • Comenta este libro
Para curar a León, o peixe de Adrián, este ten que “darlle” un poema. Adrián non entende qué é iso dun poema. ¿Haberá alguén que sexa capaz de explicarlle que é un poema? A panadeira, o canario, os avós... ¡Cada un dálle unha resposta diferente ó anterior! Un poema debe ser unha cousa ben rara e misteriosa..., pero é urxente que Adrián o saiba para salvar a León.
“Un poema
es como el pan recién hecho,...
es escuchar el latido
del corazón de las piedras...
pone el mundo al revés
y ¡ale hop! el mundo es nuevo....”
Venres 4 de maio de 2007 • Comenta este libro
Hai animais verdadeiros, reais, e outros fantásticos ou marabillosos que naceron da imaxinación humana, que pasaron a ocupar un espazo no imaxinario poético das civilizacións, nas mitoloxías, nos libros de contos e lendas tradicionais, alimentando a sede de fantasía de nenos e adultos...
Este é un álbum de iniciación á mitoloxia cun repertorio de 19 animais máxicos, representados con diferentes técnicas de ilustración, que propón unha viaxe a través da memoria dos tempos e da imaxinación colectiva. Imos coñecer a Ave Fénix, o Basilisco, o Centauro, a Esfinxe...
Tamén dispoñible en castelán
Venres 27 de abril de 2007 • Comenta este libro
“La niña se llama Elena. Le gusta soplar el vidrio...Ésta es la historia de Elena. Escucha bien lo que hizo...”
Os sopradores de vidro non viron nunca unha nena no seu oficio: “¿Quién ha oído jamás hablar de una niña sopladora de vidrio?”, dille o seu pai. Pero Elenita sabe que pode facelo e está decidida a aprender; vístese coa roupa do seu irmán e marcha cara a Monterrey, alí onde viven os mellores artesáns vidrieiros do mundo. Na súa viaxe ha de aprender que o Sol mexicano ten color de cristal fundido, mentres a Lúa se viste de cristal frío...
Cunhas ilustracións de vivas cores, imos percorrendo aventuras polo deserto mexicano de man desta nena tan especial que ha de ensinarnos que “...cualquier sueño es posible para quién se escucha a sí mismo, vence el miedo y emprende un camino.”
Mércores 20 de decembro de 2006 • Comenta este libro
"Ao nacer son miúdo coma un cacahuete, por iso teño que estar nunha bolsa que ten miña nai na barriga. Despois cando medro un pouco, xa podo saír pero gústame ir dentro para estar quentiño. ¿Sabes que son?"
Neste libro descubrirás, a través de adiviñas, animais asombrosos: elefantes, leóns, suricatos, xirafas… Aprenderás moitas cousas sobre eles e disfrutarás coas fermosas fotografías tanto dos cachorros como das súas nais, que aparecen sempre nas páxinas que solucionan as adiviñas propostas polos pequechos.
O mencionado título pertence a unha colección de Pequechos do deserto, da selva, das montañas, das terras polares ou dos ríos e dos lagos. Temos pois unha visión global da fauna máis miuda dos distintos hábitats do planeta que temos que mimar moito, moito, para que os cachorros humanos poidan admiralo coa diversidade de vida que o caracteriza.
Mércores 8 de novembro de 2006 • 2 comentarios
“Xa non escribimos cartas… Mágoa. As cartas son misteriosas, traen novas, contan segredos… Cartas que veñen e van, un proxecto que integra a aprendizaxe e o ensino de todas as linguaxes cos contidos da educación infantil e do primeiro ciclo da primaria: animais domésticos e salvaxes, as cores, os contrarios, as partes do corpo, psicomotricidade, ritmos, sons…”
Cartas que veñen e van xunta unha serie de cartas que propoñen magníficas actividades para desenrrolar nas aulas e nos traballos colectivos, sen esquecer nunca a ilusión de recibir unha carta inesperada. Así, o poliño Pepe (no galiñeiro da casa grande, Estrada do Campo da Feria, en Rábade), a vaca Sofía que tanto ama a música (nas cortes de estabulación libre, na Serra de Outes), e moitos máis, reciben unha simpática misiva cunha canción exclusiva para cada un deles, e varias propostas de xogos e actividades que nos ensinan a aprender dun xeito divertido.
Unha posta en escena de excelente calidade que Susa Herrera agradece no propio texto a Asociación Pedagóxico- Musical Soutullo (xérmolo do mesmo), e a Mamá Cabra polo seu entusiasmo e colaboración…
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra