Martes 12 de setembro de 2006 • Comenta este libro
Antípodas é un álbum ilustrado eminentemente visual; case podería prescindirse do texto e os pequenos lectores de imaxes aos que vai indicado captarían perfectamente a intención do conto. Esta non é outra ca explicar, dun modo moi sinxelo, o que hai "ao outro lado do mundo".
Trátase dun mundo igual ao noso só que invertido: alí o Nadal é caloroso, mentres que nós trememos de frío, por exemplos. Mentres o texto permanece inalterable para o lector "do hemisferio norte", as imaxes invertidas móstrannos como viven os nosos antípodas: ¿boca abaixo?
Martes 12 de setembro de 2006 • Comenta este libro
En la noche é un conto tradicional sufí que nos conta como cinco amigos (un albanel, un pescador, un leñador, un xinete e un músico) voltan á casa unha escura noite sen lúa. No camiño atopan un obstáculo e cada un deles, en función das súas vivencias, interpreta a natureza do devandito obstáculo de xeito moi diferente. Só a chegada da mañá lles ofrece a solución e demóstralles que, dalgunha maneira, todos tiñan razón aínda que todos estivesen equivocados.
En la noche, como todos os contos tradicionais, ten unha versión similar na literatura chinesa, outra na sudamericana (Siete ratones ciegos da editorial venezolá Ekaré) e seguramente algunha máis que nos pasa inadvertida.
O álbum de Thule é de pequeno tamaño pero constitúe un grande agasallo, dada a súa laboriosa elaboracón totalmente artesanal, tal e como se explica no propio libro.
Martes 12 de setembro de 2006 • Comenta este libro
Mirar a pintura a través dos séculos propón unha galería de arte dende o estilo gótico internacional, entre os séculos XIV e XV, ata a arte figurativa e abstracta de Chagall no século XX. A estructura repítese sobre unha obra de arte que se toma como representativa de cada un dos movementos artísticos estudiados, 18 en total. A través das lapelas que se levantan nas páxinas vemos os pormenores dos lenzos ou ben as gamas cromáticas que, nunha primeira ollada, non valorariamos facilmente.
Un estudo de cada movemento, autor e obra, cara o final do álbum , destaca as innovacións e significados ocultos de cada un dos lenzos seleccionados... Unha obra imprescindíbel para o estudo das ciencias sociais, da literatura e, por suposto, da arte.
Esta é a primeira obra deste tipo en lingua galega: dámoslle a benvida a esta iniciativa editorial tan exquisitamente ben presentada como vén sendo habitual en Factoría K de libros.
Un álbum para comer cos ollos, para todas as idades.
Martes 12 de setembro de 2006 • 7 comentarios
El ladrón del rayo é a historia de Percy Jackson, un rapaz de doce anos que padece dislexia, cos consabidos problemas que dita disfunción provoca, unida ao THDA (trastorno hiperactivo de déficit de atención). ¿O resultado? Un cúmulo de problemas tales como unha peregrinaxe por diferentes colexios, dificultades para chegar ao aprobado, ser obxecto de burlas de compañeiros por fantasear continuamente...
Por se todo isto fose pouco, Percy descobre a súa verdadeira natureza: é un mestizo, é dicir, fillo dun deus e unha mortal.
Unha misión secreta élle encomendada e, a través das súas trepidantes aventuras, faremos unha incursión no mundo dos deuses do Olimpo grego.
Percy non está só: un compañeiro do seu último colexio, Grover, que en realidade é un sátiro, e Annabeth, que é a filla da sabia Atenea, comparten con el unha serie de aventuras sobre un mundo secreto, o que antigos deuses gregos recrearon no noso s. XXI.
Esta entretida historia arrástranos a unha imparable identificación cun personaxe con defectiños que o fan especial, e que nos achega ao mundo da mitoloxía grega da man dun protagonista moi, moi actual.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra