Venres 4 de agosto de 2006 • Comenta este libro
Dun xeito similar ó clásico de Babar, o álbum de Chocolata cóntanos a fermosa historia dunha hipopótama que quere probar os baños da cidade que o seu amigo, o chimpance Teófilo, lle dixera que se toman en bañeiras. Nas rúas da cidade síntese cunha "pinta salvaxe" e decide mercar un traxe, e uns zapatos, e comer nun restaurante, e un libro para agasallar o seu mellor amigo, aquel que “o que máis lle gustaba era facer monadas e contar contos.”
Os ditos populares din que "os gordísimos" son xente moi tranquila e pracenteira, mesmo como Chocolata, que logra transmitir paz e tranquilidade dentro dunha estética armoniosa e doce.
Venres 4 de agosto de 2006 • Comenta este libro
“Aos portadores da Luz” vai adicado este álbum que nos relata como un neno teme a escuridade, non atura os lugares escuros, pero, por riba de todo, non lle gustaba a noite; mentres os nenos xogaban na rúa durante as noites de verán, el quedábase no seu cuarto coas súas lanternas e a súa lámpada, cos seus farois e as súas veas, completamente só.
Todo muda cando coñece a unha nena de cabelo negro, ollos negros e negro vestido; a súa cara era branca como a lúa e os seus ollos escintilaban como estrelas..., chamábase Escuridade e só ela lle ensina a acender a Noite, a acender os grilos, as ras, as estrelas e a lúa.
Agora o noso protagonista é feliz acendendo cada día a Noite e todos os seus elementos.
Venres 4 de agosto de 2006 • 1 comentario
Este libro levaranos a descubrir todo aquilo que constitúe o sabor da infancia nos 25 países da Europa ampliada; os caramelos, as cancións que se aprenden desde moi pequenos, o que dá medo e o que fai rir, o nome das bruxas locais e a palabra para dicir pis e caca en todas as línguas, o que ocorre en Nadal e cando cae un dente. É unha guía que nos abre a porta a un rico crisol de costumes, crenzas e tópicos de todos os países que constitúen esa Europa comunitaria na que van desenvolverse na súa vida adulta.
Venres 4 de agosto de 2006 • 4 comentarios
Unha fábula de maxia mediaval que contén a fórmula dunhas pedras da vida que outorgan a inmortalidade: vida pensamentos maxia e tempo. Catro palabras e catro pedras, un alquimista ladrón, un monxe xusticieiro, tres nenos e un corvo parlante, son os elementos que vai barallar o autor para tecer unha historia cuxa acción circunscríbese a unha opresiva mansión, na que terán lugar mortes e resurreccións, enterramentos e intentos sucesivos de lectura dun libro sen palabras que só poderá ler quen teña os ollos verdes.
Acción, sustos e simpatías que se mesturan nunha amena lectura deseñada para manter a atención do lector en todo momento.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra