A primeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrouse no ano 1999. Respondía á iniciativa dun grupo de persoas que devecían por un espazo que servise de punto de encontro entre o mundo dos libros e o mundo dos lectores e lectoras máis novos. A Concellaría de Cultura sintonizou co proxecto e apoiouno con medios estruturais e económicos, pasando a se converter posteriormente en entidade promotora.
Desde aquela ata hoxe, foron sete edicións nas que se medrou en todos os sentidos: na superficie dedicada, nas exposicións, na ambientación, nas actividades, no número de entidades participantes, en complexidade e, naturalmente, en resultados en canto a número de visitantes e proxección social e educativa.
Pero o Salón segue a manter os seus sinais de identidade: o espírito aberto e participativo, coa colaboración de numerosas institucións públicas e privadas, a dedicación cada ano a un tema diferente que sirva de núcleo aglutinador de ideas e actividades, o protagonismo absoluto do libro en todas as súas facetas e o seu achegamento cálido, ameno e instrutivo ao lector.
A literatura de tradición oral foi a protagonista daquel Salón inaugural que coordinou Manuela Rodríguez Lorenzo. O cartel foi obra de Óscar Villán. Aínda con escasos medios, pero a maior das vontades, o Salón de Pontevedra comezou a sentar as bases da súa personalidade.
Expuxéronse libros cedidos polas editoriais, os espazos ambientáronse con instalacións e exposicións para recibir os xoves visitantes, organizáronse actividades de animación para colexios, cursos para adultos, presentacións de libros, conferencias e espectáculos diversos, e pechouse a semana cunha actuación musical. Os institutos de Secundaria acolleron espectáculos de contacontos nos propios centros.
O tema central do segundo Salón foi a poesía. De novo Manuela Rodríguez Lorenzo foi a encargada da coordinación, sendo a autora do cartel Ana Pillado. Establecíase ese ano a liña de lle encargar sempre o cartel a unha ilustradora galega novel.
Mantívose o criterio de lle conceder relevancia á ambientación dos espazos con instalacións deseñadas e elaboradas polo alumnado de Belas Artes. Asemade, contábase coa colaboración do alumnado do ciclo de Educación Infantil do IES A Xunqueira I, do Conservatorio Profesional de Música e da Escola de Hostelería do IES Carlos Oroza para diversos actos de animación. Igual ca no ano anterior, o Salón saíu do Pazo da Cultura para prolongarse polas noites en sesións de contacontos para adultos en pubs e cafés.
A obra de Gianni Rodari foi o tema central da terceira edición do Salón, coordinado asimesmo por Manuela Rodríguez Lorenzo e con cartel de Alicia Suárez. Para as vindeiras edicións, estableceuse un amplo abano de temas que conxugarían asuntos de contidos, de xéneros e de estrutura literaria, cuestións de alcance social ou artístico e as obras de destacados creadores e creadoras.
As instalacións e exposicións ocuparon un maior espazo, ampliándose tamén o número de actividades para colexios de educación Primaria. Algunhas entidades manterán xa fixa a súa colaboración, como é o caso de GÁLIX, a Fundación Pedro Barrié de la Maza ou a Agrupación de Libreiros de Pontevedra. Incorporouse a presentación do Conto Viaxeiro, obra colectiva de varios centros educativos de Pontevedra. Pouco a pouco, aséntase a colaboración entre os colexios da bisbarra e o Salón, converténdose este nunha cita anual obrigada.
As datas do Salón, que ata o momento se celebraba no mes de decembro, mudaron ao mes de febreiro, na procura dunha maior flexibilidade para organizadores e visitantes. Esta edición dedicouse á literatura de viaxes. Foi coordinada por Manuel Lourenzo González, sendo o cartel obra de Belén Padrón. Púxose en marcha o proxecto de constituír o colectivo MáisLibros, formado polos membros da organización, colectivo que, xunto coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, serán as entidades organizadoras do Salón.
Consolídase definitivamente a estrutura do Salón en canto ao medio físico (os espazos e a ambientación) e a grella de actividades de mañá, tarde e noite, tanto para cativos coma para adultos. Este ano ampliouse o número de exposicións, acollendo obras de gravado, pintura, ilustración, fotografía e obxectos, e incorporáronse actividades específicas para o alumnado de Secundaria.
De novo baixo a coordinación de Manuel Lourenzo González, o quinta edición, con cartel de María Lires, dedicouse aos personaxes do mundo fantástico. Nesta altura, o Salón deu un salto cuantitativo no número de visitantes, acadando unha relevancia especial que o consolida como a gran cita do libro infantil e xuvenil de Galiza.
Ampliouse o número de entidades colaboradoras, ocupándose de montar instalacións os colectivos QuartoEscuro Teatro, Escola de Canteiros e Arxilarte. O Seminario Permanente de Jazz sumouse á animación das tardes. Incorporouse a exposición de obxectos máxicos, elaborada pola propia organización. Ante a avalancha de demandas de colexios para visitar o Salón, estableceuse a obrigatoriedade de participar coa elaboración de traballos creativos arredor do tema, o que deu lugar a unha exposición e diversos premios. Asemade, o Salón estendeu a súa proxección cunha xornada de convivencia entre representantes do mundo dos libros: autores, ilustradores, editores, críticos, libreiros, profesores, xornalistas, lectores e autoridades.
A coordinación da sexta edición realizouna Helena Torres Blanco, e o cartel, Xulia Barros. O tema central foi o libro clásico de todas as épocas, tanto o xuvenil coma o de adultos.
Este ano, desenvolvéronse arredor de cincuenta actos en horario de mañá, tarde e noite dirixidos a toda clase de públicos. Incorporáronse novas entidades colaboradoras, coma o grupo de Bacharelato Artístico do IES A X unqueira I, a Escola de Tempo Libre Paspallás e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Como novidades destacadas, estableceuse a figura do pregoeiro do Salón, que este ano desempeñou Bernardino Graña, e a de personalidade homenaxeada, que correspondeu a Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. Así mesmo, naceu o lobo Orbil, icona, mascota e verdadeira imaxe viva do Salón, e publicouse un libro que, a xeito de catálogo e memoria, amosa o alto nivel de profesionalización acadado e a proxección do Salón como unha realidade consolidada e un claro valor de futuro.
Consultar a páxina da VI edición (Macromedia Flash)
Consultar a páxina desta edición
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra