Foto © DNL
Xabier P. DoCampo, un dos escritores máis importantes das letras galegas, recibe a nosa homenaxe nesta edición. A el estará dedicado o acto de clausura do IX Salón.
A exposición sobre a súa obra Xabier P. DoCampo, Tecedor de contos pódese visitar no Pazo da Cultura ata o 16 de marzo de 2008.
Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai —meu pai de Xermar (Cospeito)—, onde fun por primeira vez á escola.
No comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudei o bacharelato e maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Chá a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fose a estancia.
Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.
Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Estas actividades de reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante en eventos sobre tales temas en América en diversas ocasións.
Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.
Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.
Durante un tempo fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra.
Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.
Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria.
Polos meus libros déronme algúns premios.
Sobre pouco máis ou menos o que antecede é a miña biografía se esta se reduce a aquelas cousas que se poñen adoito nos curricula que a un lle piden a calquera hora... Iso significa deixar fóra da miña biografía todo canto de verdade fixo de min o que son... por iso quero poñer aquí unha parte pequena do que fica fóra de calquera curriculum.
Xabier P. DoCampo fíxose escritor porque ten memoria de si e dos seus. Porque habita a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano. E cando lle preguntan polas súas lembranzas bota a falar e non para…
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra